Denomínase así o Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2022-2025 que busca un horizonte sen vítimas de accidentes a longo prazo
Obxectivo “Visión 0” para as estradas galegas
A Xunta investirá máis de 23,5m € para reforzar a seguridade viaria en 130 treitos ao longo de máis de 500 quilómetros de estradas autonómicas .
O Consello da Xunta ven de aprobar dúas partidas presupuestarias de 17,2 e 6,5 M € para tratar de erradicar os accidentes en tramos das estradas galegas nas que se concentren máis accidentes ao longo dos últimos anos.
IDENTIFICACIÓN DOS TREITOS
Unha vez identificados os Treitos de Concentración de Accidentes da rede autonómica de estradas, que son os intervalos nos que se producen máis sinistros, deséñanse actuacións eficaces para reducir as vítimas de accidentes. Así, por exemplo, nestes tramos acométense reformas de interseccións, calmados de tráfico ou melloras de pasos de peóns, entre outras accións.
Estas intervencións daranlle continuidade ás executadas na primeira Estratexia, que entre os anos 2016 e 2020 permitiu reducir a sinistralidade nun 60% nos treitos nos que se actuou.
AS PRIMEIRAS INTERVENCIÓNS COMEZARÁN ESTE MESMO ANO
O Goberno galego está a traballar para poder comezar este ano a execución de actuacións consideradas menores e avanzar na contratación da redacción dos proxectos que requiren dunha tramitación máis longa, de modo que se desenvolvan as obras nesta lexislatura.
O obxectivo é continuar incrementando a seguridade viaria nas estradas autonómicas, unha prioridade para a Xunta. Este propósito vai na liña do Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2022-2025, que establece como principio a “Visión 0”, é dicir, buscar un horizonte no que non haxa vítimas de accidentes de tráfico a longo prazo.
Estradas que perdoan
Por outra parte, para o período 2024-2027 tamén se programan obras en 109 treitos de alto potencial de mellora que se desenvolven ao longo de 480,41 km de vías autonómicas, para o que se dirixirá un orzamento de máis de 17,2M€.
Trátase da eliminación de obstáculos nas vías autonómicas co fin de conseguir “estradas que perdoen” os erros que poidan cometer os condutores e dar unha segunda oportunidade de volver á calzada.
As obras previstas para acadar este obxectivo engloban melloras do firme, optimización da sinalización e o balizamento, mellora dos sistemas de contención, reforzo da iluminación en pasos de peóns, mellora do trazado e interseccións ou acondicionamento de marxes.
Todas estas intervencións serán cofinanciadas nun 60% con Fondos Feder, para o que a Xunta xa dispón dunha destas liñas de financiamento asignada.