ENCONTRO DO BNG PARA AS EUROPEAS EN XINZO.

ENCONTRO DO BNG PARA AS EUROPEAS EN XINZO.

 O BNG de Xinzo celebrou onte, domingo, un encontro coas candidatas ao Parlamento Europeo nos comicios do vindeiro 9 de xuño.

O voceiro municipal, Camilo Vila, foi o encargado de dar a benvida e iniciar o acto no que tamén interviñan a deputada no Parlamento de Galicia, Sonia Vidal, a candidata limiá ás europeas, Mirian Opazo, e o candidato Nº2 e ex-responsable nacional da organización, Bieito Lobeira.


“A Limia estivo representada nas eleccións xerais por Alba Feixóo, nas galegas por Xaira Pena e agora, nas europeas, por Mirian Opazo”, expuxo Vila, “isto reforza a presenza e recoñecemento do BNG de Xinzo e da comarca.”

Collage4

Seguidamente, a parlamentaria Sonia Vidal, reafirmou a idea do representante das nacionalistas limiás en canto ao forte compromiso da organización coa defensa dos intereses da Limia, apuntando ás diferentes iniciativas que xa ten rexistrado o grupo do BNG no Parlamento, exemplos disto son a referida á cuestión da falta de pediatras no Centro de Saúde de Xinzo, ou a referida ao Plan Estratéxico da Limia.

Hoxe, en Palas de Rei, milleiros de persoas manifestamos o noso rexeitamento á macrocelulosa que Altri, da man do goberno da Xunta, quere instalar na comarca da Ulloa. No noso concello, hai uns anos ocorreu unha situación semellante.” iniciaba a súa intervención a candidata da Limia, Mirian Opazo, facendo referencia á defensa que a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, fixo da loita dos veciños e veciñas da Limia ante o proxecto de construcción dunha contaminante mina de feldespato no Corno do Monte.

No BNG temos o mellor aval para pedirmos o voto nestas eleccións europeas: o aval do traballo incansable de Ana Miranda, que foi ao longo destes anos, a voz de tódalas galegas e os galegos en Europa.”, afirmou Opazo, “cando o 9 de xuño collamos a papeleta do BNG podemos confiar en que haberá en Bruxelas unha voz forte que, cos pés na eurocámara, habita o mundo coa cabeza e co corazón na terra.

Finalizou o acto o candidato Nº2 ás eleccións europeas polo BNG, Bieito Lobeira. O marinense fixo unha exposición dos agravios aos que a UE ten sometido a Galicia: “Dixéronnos que tiñamos un sector naval sobredimensionado, un sector pesqueiro sobredimensionado, un sector agrogandeiro sobredimensionado... isto non pasou con ningún outro pais.”, apuntou Lobeira, “por iso é importante ter voz en Europa, para defender a nosa produción

”. Tras esta defensa, o candidato concluíu a súa intervención falando do posicionamento do BNG sempre a prol dos dereitos humanos e sociais, e solidarizándose co pobo de Palestina.