O Concello de Xinzo de Limia fortalece a seguridade e a contorna urbana no Camiño de Santiago
Na pasada semana instaláronse varandas e cubrecontedores en diferentes puntos da vila de Xinzo
O Concello de Xinzo de Limia anuncia a instalación de cubrecontedores e varandas protectoras na contorna do Parque do Pombal e na rotonda da avenida de Celanova respectivamente.
Estas medidas, levadas a
cabo nos últimos días, son resultado do
traballo en equipo desenvolto no marco do "Obradoiro de Emprego
Peregrino", unha iniciativa conxunta entre o Concello de Xinzo de
Limia e o Concello de Sandiás por terceiro ano consecutivo. Este obradoiro, que
pon en valor a colaboración intermunicipal
como motor de progreso na nosa comarca, ofrece formación e oportunidades
laborais a vinte persoas de ambos concellos nas especialidades de instalación e
mantemento de xardíns e zonas verdes, así como na instalación de elementos e
carpintaría. Este segundo grupo de carpintaría, foi o encargado das recentes
actuacións e está coordinado
directamente por Moncho Gómez, o concelleiro de Urbanismo, Obras,
Infraestruturas e Mobilidade.
As varandas instaladas na
rotonda da avenida de Celanova non só contribúen á estética da zona, senón que
tamén ofrecen unha maior protección aos
veciños e peregrinos que transitan por esta importante ruta do Camiño de
Santiago. Por outra banda, os cubrecontedores na contorna do Parque do
Pombal ofrecen unha solución práctica, económica e estética, contribuíndo ao mantemento da limpeza e
ordenación da vila.