Visitas con sentido
Un equipo da ONCE no xardín sensorial de Lodoselo
A percepción implica interpretar e comprender a información que recibimos a través dos cinco sentidos (vista, gusto, oído, tacto e olfacto). Non é o mesmo oír que “escoitar”, porque quen escoita “fai seu” o son, dálle un sentido e mesmo un ritmo. Non é o mesmo ver que “mirar”, porque quen mira “centra a súa atención” no que ten diante. Non é o mesmo saber que un alimento é doce que “saborear co padal” un alimento que te leva á túa infancia…
No CDR O Viso damos moita importancia á integración da persoa na súa contorna,
e é aquí onde fai catro anos Pili e Eloy comezaron a traballar na creación do
Xardín Sensorial en Lodoselo… un espazo moi pensado para SENTIR COS SENTIDOS,
un percorrido coa posibilidade de crear sons con diferentes materiais, de
percibir cheiros con moitas plantas aromáticas, cunha mesa de tacto, unha casa
dos insectos relacionada coa horta na que está, un circuíto para bicar cos pés
a terra, a madeira… materiais con diferentes texturas e plantas con froitas
para saborear…. Falar do noso Xardín Sensorial é falar dun espazo vivo, onde a
persoa que vén visitalo é libre para SENTIR COS seus SENTIDOS.
O mércores, 8 de maio, tivemos a programada visita dun equipo da ONCE para
coñecer as nosas instalacións, valorar a accesibilidade do Xardín Sensorial e
darnos pautas de mellora para que todas as persoas poidan participar coas
mesmas oportunidades na vivencia deste espazo tan especial para nós. Corina
Alfonso (Promotora de Braille en Galicia) e Penny a súa cadela-guía, Julia
Fernández-Nieto (Técnica de Rehabilitación) e David Cejudo (Director da
ONCE-Ourense) fixeron todo o percorrido coa guía e explicacións de Pili e Eloy,
porque… quen mellor pode explicar unha creación feita desde o SENTIDO?
Finalizada a visita, Corina, Julia e David dixéronnos as súas impresións e
agora comeza o intercambio de coñecementos coa ONCE para facer do Xardín
Sensorial un espazo máis accesible.
Neste día creamos unha alianza, coñecemos como “mira” Corina o noso Xardín
Sensorial… por este motivo hoxe tivemos unha Visita con Sentido.