O Concello de Xinzo de Limia comeza a traballar para conseguir máis pediatras
Membros da corporación local reúnense cun grupo de nais afectadas pola falta de persoal de pediatría no Centro de Saúde.
Este luns un grupo de nais afectadas pola falta de persoal de pediatría, mantivo unha reunión na casa consistorial con Amador Díaz, alcalde de Xinzo de Limia, coa concelleira de saúde Ángeles Martínez e co concelleiro Moncho Gómez.
Durante o encontro, o grupo de nais explicou a situación real que se está a vivir coa pediatría en Xinzo de Limia, e por parte do grupo de goberno informouse das accións e contactos que se produciran ata o de agora, garantíndolle ás nais un encontro co Delegado Territorial da Xunta, posiblemente durante esta mesma semana, para poder avanzar unha solución real á maior brevidade posible.
O equipo de goberno do Concello de Xinzo de Limia considera este asunto de suma importancia e seriedade, lamentando á súa vez que grupos da oposición traten de politizar un tema que lle afecta a toda a veciñanza. As nenas e nenos son o noso futuro, e dende o Concello de Xinzo de Limia estaremos sempre á cabeza das súas reivindicacións.